Thursday 25 de April de 2024

A Lonxa Vella acolle a instalación ‘Nit Mediterrània’ de Ángel Zabala


· A inauguración tivo lugar este sábado, 2 de outubro, ás 12:00 horas.

· A peza poderá verse desde o exterior e invita a reflexionar sobre o drama da emigración ilegal e as duras viaxes que realizan as persoas ao atravesar o mar.

Hoxe, sábado 2 de outubro, a Lonxa Vella de Camariñas acolleu a inauguración da instalación ‘Nit Mediterrània’, do artista pitiuso Ángel Zabala e que estará exposta indefinidamente no interior do edificio, que pronto será rehabilitado para albergar o futuro do museo dos naufraxios, e que poderá verse só desde o exterior a través dun cristal instalado previamente.

No acto inaugural participaron o propio artista, a concelleira de Cultura, Encarna Liñeiro, o primeiro tenente de alcalde, Sergio Caamaño, e o comisario, Antoni Torres.

Esta instalación, formada unicamente dunha peza, invita a reflexionar sobre o drama da emigración ilegal e as duras condicións da viaxe que realizan milleiros de persoas ao atravesar o mar en busca dunha vida mellor. Camariñas é unha terra de naufraxios e, con esta mostra, busca darlle visibilidade a esta situación presentando a obra dun artista de gran potencia visual e compromiso social.